Thursday 09 de May de 2024

O Albergue Marina Española acolle o obradoiro “Cine Rally” dentro do programa Outono Xove


— Durante o encontro realizaron actividades de preprodución, rodaxe de distintos proxectos e obradoiros de edición

— Outono Xove desenvólvese en albergues e campamentos xuvenís, así como na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, durante as fins de semana

— Ofrece actividades de lecer e ocio para un total de 1100 mozas e mozos galegos

O albergue xuvenil Marina Española acolle esta fin de semana o obradoiro Cine Rally, organizado pola Xunta dentro do programa Outono Xove. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, quen visitou hoxe os participantes, sinalou que a finalidade desta iniciativa é ofrecer actividades formativas e de lecer ás mozas e mozos galegos máis alá do verán..

Entre as actividades propostas atópanse traballos de preprodución —ensaios, vestiario ou localizacións—, rodaxe dos distintos proxectos e obradoiros de edición. As mozas e mozos incorporáronse este venres e finalizarán o programa este mesmo domingo. O número de prazas ofertadas en cada quenda é de 20, sumando no conxunto do programa un total de 1100 prazas.

Cristina Pichel lembrou que esta nova iniciativa conta cun amplo catálogo de actividades que se vertebra en oito proxectos diferentes que se están a desenvolver noutras tantas instalacións. Ademais explicou que se dividiron aos participantes en dous tramos de idade, un de 14 a 17 anos e outro grupo de 18 a 30 anos.

Outono Xove desenvólvese en albergues e campamentos xuvenís, así como na Residencia de Tempo Libre do Carballiño. En cada unha destas instalacións da rede autonómica ofrécese un máximo de sete quendas de fin de semana entre os meses de outubro e decembro.

Outras actividades
O programa inclúe actividades tamén no Albergue Xuvenil de Gandarío, onde se celebra a actividade Unha finde de lenda; os participantes que acudan ao das Sinas desfrutan da iniciativa Amar_Xuventude, desde unha perspectiva medioambiental; o Campamento Xuvenil de Pontemaril, en Forcarei, achega a astronomía á mocidade con Ceos de Música e tradición.

Pola súa banda, o albergue xuvenil Benigno Quiroga, de Portomarín, acollerá o programa Facendo Camiño; o Lug2 de Lugo poñerá a tecnoloxía ao alcance da xuventude con Aventura lug 2.0; a residencia de Tempo Libre do Carballiño acollerá Naturaleza; e o Campamento A Devesa de Ribadeo albergará Mar e cultura na Mariña.

O programa inclúe aloxamento en albergue xuvenil ou residencia de tempo libre, polo que se achega manutención completa desde a noite do venres ata o domingo pola mañá. A cota de participación será de 25 euros. Por ser membro de familia numerosa ou monoparental e por ser titular do Carné Xove, sempre e cando a tarxeta estea debidamente activada, aplicarase un desconto do 25% sobre o prezo.